martes, 17 de junio de 2025

ENTREGA DE PREMIOS III CONCURSO AUDIOVISUAL ANPAS GALEGAS "SOMOS RURAL"

Fai meses o noso centro participou no III Concurso Audiovisual ANPAS Galegas "Somos Rural" coa proposta "Lendas do Mosteiro: Unha viaxe inmersiva ao pasado",  un proxecto interdisciplinar levado a cabo co alumnado de 3º da ESO. Aínda que non recaeu o premio neste proxecto, igualmente asistimos ao acto de entrega de premios que tivo lugar o luns 16 de Xuño de 2025 no CEIP Os Casais de Fene (centro gañador nesta edición do concurso), un acto moi entrañable no que prevaleceu o espírito de comunidade para tecer redes e defender o rural como un valor non so humano, senón pedagóxico. A presentación do acto e do concurso recaeu na presidenta das ANPAS Galegas (Isabel Calvete) e o presidente da Federación de ANPAS de Ferrolterra (Jaime Acuña). Acto seguido pasouse a unha interesada e animada conversa sobre os hórreos (elemento protagonista do proxecto gañador) por parte de Manuel Pico da Asociación Veciñal de Magalofes, Henrique Sanfiz de RadioFene e Laura Bouza de Laudas Calamity, laboratorio de creación artística, Bruno Lopes e Mª José Vila por parte das familias e o centro.

Todos/as os/as asistentes ao acto de entrega tivemos posteriormente a oportunidade de facer un visionado conxunto de todos os traballos participantes, de diferentes centros da xeografía galega, e cada cal centrado en diferentes elementos do noso patrimonio material ou inmaterial, entre eles o do noso centro CPI Virxe da Cela, que é unha chamada de atención ao deterioro do Mosteiro de Monfero, unha auténtica xoia en ruínas que esmorece no corazón das Fragas do Eume. Recibimos o diploma por parte da presidenta das ANPAS Galegas (Isabel Calvete) e do presidente da Federación de ANPAS de Ferrolterra (Jaime Acuña), e finalmente clausuraron o acto Mª José Vila (coordinadora) e Lorena Pita (Directora) do centro gañador.

Aproveitando a nosa visita a esta bonita escola rural, Mª José Vila ofreceunos un interesante "tour" polas instalacións, que destacan pola súa decoración e colorido, parte dela realizada por membros da ANPA volcados en construír unha atmósfera amigable para que os seus fillos gocen os anos que van estar escolarizados e que quedará para futuras xeracións. Parabéns por ese centro tan acolledor, tanto a nivel material como humano. 







jueves, 12 de junio de 2025

Ambientes na etapa da Ed. Infantil: mes de maio

No ambiente simbólico-construtivo, ao longo do mes de maio, contamos con diferentes propostas de construción con pezas de madeira que nos permitiron explorar, descubrir e crear minimundos. Montamos unha floristería para facer os nosos propios ramos e arranxos florais con flores naturais, convertémonos en auténticos carpinteiros e carpinteiras xogando co material de carpintería e levamos a cabo actividades de vida práctica creando un túnel de lavado de coches. Foi todo un éxito!

No ambiente de luces e sombras este mes contamos con diversas propostas, a mesa de luz chea de un campo de flores co que traballar a motricidade fina, os trasvases e o conteo, un cubo con bolboretas de cores translúcidas e lanternas para experimentar coas súas cores, formas e texturas, papel continuo, lámpadas e animais para realizar siluetas no chan e xogar coas dimensións e tamaños, e por último, un mural no que traballar con pintura fluorescente e desenvolver toda a nosa creatividade coa axuda da luz negra.

No ambiente artístico e sensorial, desenvolvemos a nosa faceta mais sensorial, coa mesa de experimentación, empregando serraxe, café, pan raiado… realizando transvases con diferentes botes e tamaños.Non deixamos de lado a motricidade fina, utilizando coladores, pinzas, embudos… por outra banda a nivel artístico, modificamos imaxes típicas de Monfero con papel cebola. Tamén, practicamos a estampación con selos de cartón con tempera sólida. Desenvolvemos a nosa ruta auditiva, empregando o Makey-Makey tocando un piano virtual. Por último, pintamos paus con temperas e pinceis, facendo centros moi decorativos e significativos.

Por último, no ambiente de lecto, mates e ciencia puidemos empregar a ruleta para xogar cun bingo de letras. Tamén traballamos os números grazas ao dominó ou ao xogo de Cerrar a caixa; lanzamos o dado, no que escribimos nós mesmos as letras, para intentar escribir coa axuda dos selos palabras que comezaran pola letra indicada. Ah! Ao sumo descubrimos o fenómeno da refracción e debuxamos o observado.

Para o vindeiro curso seguiremos! 





miércoles, 11 de junio de 2025

VISITA QUEIXOS CAGIAO. Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

O luns, día 9, o alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria visitaron Granxas Cagiao, situada en Paderne, co fin de coñecer o proceso de elaboración do queixo e tamén facer unha visita pola granxa. 

Os seus produtos recóllense dentro da marca Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo é un distintivo que recoñece aos produtos agroalimentarios e servizos do territorio que ofrecen uns valores acordes co espazo no que que se desenvolven.

Créase coa finalidade de diferenciar, engadir valor, promocionar e difundir os recursos locais, produtos e servizos que potencian as actividades económicas tradicionais e a economía social no marco da sustentabilidade do territorio amparado.

En definitiva, estamos ante unha empresa local baseada na promoción e defensa da calidade, garantía e orixe dos produtos da área da Reserva, obtidos a partir dun saber facer responsable e respectuoso co medio ambiente.

Porque outro futuro é posible!!

Ao rematar foron tomar a merenda á Área Recreativa de Medín e puideron xogar un pouquiño antes de volver para o colexio. 

 



martes, 10 de junio de 2025

RECOLLIDA DA TRADICIÓN ORAL DA ZONA

Alumnado de 2º e 3º da ESO do CPI Virxe da Cela realizan na materia de música unha recollida da tradición oral da zona. Un proxecto que se leva realizando no noso centro xa en anos anteriores, na que a rapazada vive a experiencia de entrevistar a persoas no seu ámbito familiar ou próximo buscando neses/as informantes material sonoro imprescindible para recuperar o noso patrimonio inmaterial. 

Compartimos a iniciativa dun alumno de 3º da ESO (MGT) que está a divulgar o seu traballo de recollida a través da súa propia canle en youtube, contribuíndo á transmisión da nosa música, a nosa língua e a nosa cultura. Parafraseando a este alumno: "neste primeiro episodio, mergullámonos nas raíces da nosa cultura para descubrir a forza e a beleza da música tradicional galega. Recordaremos cantigas que atravesaron xeracións e que seguen vivas grazas ao pobo galego. Moitas grazas á miña profesora de Música e Educación Dixital que accedeu a que xe fixera esta entrevista. ✨ Aprende sobre os orixes, as historias e os sons que definen unha parte esencial da identidade de Galicia. 💬 Non esquezas comentar cal é a túa peza tradicional favorita! 📌 Suscríbete para non perder os vindeiros episodios!"

 

jueves, 5 de junio de 2025

Compostaxe: toda unha experiencia de aprendizaxe

 Unha das premisas da nosa horta escolar é que nos permita adquirir hábitos da economía circular. Vendo que somos quen de aproveitar os recursos propios e os do medio na nosa vida diaria.

Non todo o que tiramos é lixo, podemos aproveitar moitos deses recursos para darlles unha nova vida como materias primas renovadas.

Non se trata que a recollida e xestión de residuos sexa labor industrial senón que na casa, no cole, podemos sumarnos á cultura da sustentabilidade.

Cultura desde a cal podemos aprender a cultivar o horto sen empregar fertilizantes químicos ou como facer compost en casa.

Como estamos aprendendo co coidado da horta non é unha tarefa difícil pero si que require de constancia e de coidado para que os procesos químicos de transformación sexan óptimos.

No cole escollemos a opción de facelo nun compostador, é dicir, un recipiente específico para este labor. Escollemos os embalaxes que nos cedeu Sogama para esta labor. Os mesmo viñeron acompañados dun obradoiro formativo que nos permitiu repasar os conceptos clave da reciclaxe.

Pero, que é o que temos que ter en conta para realizar esta tarefa?

  • A primeira  base será sólida para evitar a podremia.
  • Que os residuos orgánicos depositados sexan adecuados e que entre eles non vaia materia non apta para a compostaxe.
  • Xerar a compostaxe por capas, engadindo niveis intercalados: restos de residuos orgánicos e follas secas ou restos das colleitas.
  • Controlar a temperatura e a humidade para asegurarnos que o proceso de fermentación é o adecuado.
  • Asegurarnos que cando sexa necesario teña unha ventilación adecuada.
Toda unha experiencia de aprendizaxe!!!

Materiais para a compostaxe

Empregaremos materiais húmidos e materiais secos recolléndoos de forma selectiva para que non se convertan nun simple lixo.

Materiais húmidos e secos.

Desta forma, podemos ter o noso propio compost. Anímaste a poñerte mans a tarefa?

Ambientes de aprendizaxe na Ed. Infantil: mes de novembro

 AMBIENTES NOVEMBRO


No ambiente simbólico e construtivo, ao longo do mes de novembro, descubrimos un novo xogo, o Kapla, que conta con tablillas de madeira e unha chea de exemplos para facer e co que deixamos voar a imaxinación e creamos as nosas propias construcións. Aproveitamos tamén para construir torres con cartón traballando o conteo e a numeración. E, fomentamos o xogo simbólico que tanto nos gusta cunha castañeira!! Asamos castañas, preparamos e vendimos os cornetes… Foi todo un éxito!

No ambiente artístico e sensorial, estivemos a argallar a trimensionalidade co lápis 3D e coa obra de círculos de Sonia Delaunay, logo a arquitectura con arame seguindo a Elena Carrigton e tamén a creatividade reutilizando libros antigos para crear novas composicións. Seguindo coas formas xeométricas e empregando cintas, fixeron formas cadradas como en parte da obra de Mondrian. Para rematar e como estamos no outono, usando o frottage e a gama cromática que o caracteriza naceron composicións efímeras. Na mesa sensorial estimulamos o tacto e a motricidade fina, debullaron millo e vaciaron cabazas, usamos variedade de trasvases e a pesa para equilibrar e observar as diferenzas entre os diferentes materiais. Pasárono en grande! 

Por outra banda, no ambiente de lóxica-matemática e ciencia dispuxemos dun espazo no que comprobar o efecto producido ao mesturar auga con gotas de aceite e colorante. Foi fascinante!

Ademais, creamos palabras con letras escritas nas follas típicas da estación do ano na que nos atopamos. Aproveitando os elementos do outono, observámolos a través do microscopio, rexistramos o observado e o seu peso na báscula dixital; con estes mesmos elementos naturais creamos números e realizamos conteo. Ao sumo, construímos figuras seguindo patróns; e como non, aprendemos a xogar ao tres en raia.

No ambiente de luces e sombras, ao longo do mes contamos con diversas propostas como pezas imantadas fluorescentes coas que traballar a tridimensionalidade coa axuda da luz negra, retroproxector con distintos materiais e propostas, mesa de luz con números e figuras xeométricas para traballar o pensamiento computacional e por último, tamén dispuxemos de un cubo xigante con materiais de refugallo como CDs, caixas transparentes, papel celofán…os cales nos permitieron experimentar coa luz e as sombras, a superposición de cores…sen dúbida non tivemos tempo para aburrirnos!



A horta ecolóxica; aprendizaxe cooperativa e experiencial

Este curso seguimos traballando no horta ecolóxica que creamos en cursos anteriores. Traballamos na súa preparación, na plantación de plantas autóctonas e nos coidados, fixemos sementeiros, xeramos compost cos restos de froita das nosas meren-das e cos da comida do comedor.

Para o seu coidado empregamos ferramentas e recursos do día a día primando a reutilización en os novos usos (economía circular).

Mediante este traballo, o alumnado achegouse a ecosustentabilidade  desenvolvendo as súas competencias e tendo claro o importante que é o coidado e o respecto do medio ambiente.

Planificación das tarefas

A planificación do traballo é trimestral en colaboración coa Asociación Euroeume e dentro dela, co apoio de Ángel e de Chus, esta última unha das nosas nais. Comeza cunha reunión entre o profesorado e as persoas especialistas de EuroEume para concretar propostas, compromisos e responsabilidades. A mesma, realizase tamén co alumnado para identificar inquedanzas e motivacións cara o traballo na horta escolar e o coidado sostible do centro e dos seus recurso.
Desta forma, concrétanse para cada trimestre temos unha serie de tarefas fixas:
  • organizar os talleres de plantación
  • elaboración de compost 
  • reciclaxe dos residuos das aulas.
  • reutilización de materiais e recursos.
Isto complementase cos obradoiros formativos sobre produción ecolóxica realizados nas aulas con cada grupo das etapas implicadas. 

Imaxe autoeditada dos obradoiros formativos.

Actividades
1º trimestre
  • Setembro: organización de actividades, responsabilidades e tempos.
  • Outubro: comezamos un curso máis co proceso de compostaxe (cun obradoiro inicial para 4º da Ed. Primaria para coñecer a importancia e as características deste proceso). Limpeza de sementeiros. Recollida de sementes. Obradoiro sobre plantacións (6º da Ed. Primaria: plantas autóctonas, proceso rexenerativo da terra, rega).
  • Novembro: contamos cunha segunda composteira ocupándonos do seu coidado. Control e rexistro da temperatura e humidade do primeiro composteiro. Preparación dos bancais para os sementeiros. Control de pragas. Identificacións das necesidades: estrutúrante. Pechamos o primeiro composteiro e  abrimos o segundo.
  • Decembro: Sementeiros: transplantamos dous. Obradoiros sobre o crecemento das plantas. Creación de microcompostaxes. Control e rexistro da temperatura e humidade do primeiro composteiro.
Experimentamos os diferentes procesos dunha horta ecolóxica.

2º trimestre
  • Xaneiro:  mantemento da horta. Plantación dos cultivos restantes. Instalación dos invernadoiros. Montaxe do 3º e 4º composteiro. Contro do 1º e do 2º composteiro. 
  • Febreiro:  Obradoiros formativos  (tipos de cultivos: agroecoloxía e agricultura industrial). Avaliacións do proceso de compostaxe. Elaboración de carteis informativos. Control e rexistro da temperatura e humidade dos composteiro.
  • Marzo: Obradoiros formativos (5º de Ed. Primaria) sobre os procesos reprodutivos das plantas. Preparación de bandeiras con esgallos. 
3º trimestre
  • Abril : Distribuímos o estrutúrante en big bags para unha mellor conservación. Coidados das plantacións.
  • Maio: Coidados das plantacións.
  • Xuño: Mantemento da horta e dos composteiros.
Traballo cooperarivo e desenvolvemento competencial en conexión coa natureza.